Páxina oficial do Camiño da Geira e dos Arrieiros® (CGA)

O CGA é unha ruta de peregrinación que percorre 239 km entre Braga e Santiago de Compostela seguindo o trazado de calzadas romanas e rutas dos arrieiros medievais.

  • Foi recuperada, promovida e divulgada por peregrinos e colectivos culturais, sen participación de asociacións de concellos, mancomunidades, consorcios, GDR nin entidades similares.
  • Non conta cunha boa sinalización sobre o terreo e, na parte media (concellos de Padrenda, Cortegada e Ribadavia), as frechas son saboteadas de forma permanente. É imprescindible utilizar un track GPS.
  • É un dos cinco Camiños que entran directamente en Santiago de Compostela.
  • Foi certificado pola Igrexa e pola Oficina do Peregrino en marzo de 2019.
  • Foi percorrido por máis de 8.500 peregrinos desde o ano 2017.

Queres un Camiño diferente?

239 km de historia e natureza agárdante: con máis de 40 km polo tramo de calzada romana con máis miliarios orixinais de Europa; atravesando o único parque natural de Portugal; cruzando catro veces a fronteira internacional; descubrindo os sendeiros da zona de Castro Laboreiro, testemuñas silenciosas das épocas do estraperlo; pisando a comarca da que saía o viño máis valorado en Compostela entre os séculos XII e XV; seguindo a ruta principal para o seu transporte ata a cidade do Apóstolo, cruzando pontes tan sinxelas como a de Gomaíl ou tan impoñentes como a de Pontevea.

Atrévete a descubrilo

Estatística de paso de peregrinos

Estatísticas anuais de peregrinos estimados, fotografados e Compostelas
Ano Estimados Fotos Compostela
2017114114—
2018247221—
20191.033862367
202019014399
20211.059904298*
20221.2111.032418
20231.320851547
20241.247839690
20251.364782757
2026*1.351965873
TOTAL 9.136 6.713 4.049

* 2021: Compostelas sen publicar (calculadas sumando algúns dos lugares de inicio). Non se fotografa a todos por non coincidir con eles ou porque moitos non autorizan a fotografía e a publicación. * 2026: Datos ata o 13 de outubro.

Nacionalidades rexistradas por ano entre os peregrinos do CGA
Ano Novas nacionalidades
2017 Portugal España
2018 Brasil Francia Polonia Ucraína
2019 Países Baixos Italia Reino Unido Suíza
2020 Alemaña Australia Xapón
2021 Dinamarca Estados Unidos Rusia Eslovenia República Checa Argentina
2022 Bélxica Belice Lituania Hungría México
2023 China Aruba Austria Acerbaixán Luxemburgo Noruega Porto Rico Taiwán Afganistán Andorra Bahamas Colombia Palestina Romanía Uruguay
2024 Canadá Eslovaquia Corea Irlanda Nova Zelandia
2025 Malta Suráfrica Alxeria Costa Rica Sri Lanka
2026* Israel Irán Nigeria

* 2026: 52 nacionalidades rexistradas ata o 9/10/2026.

É o CGA para ti?

Pode que non sexa o máis axeitado se:

  • É o teu primeiro Camiño de Santiago.
  • Prefires camiñar por contornas urbanas ou camiños sinxelos.
  • Non desexas utilizar un dispositivo GPS durante o percorrido.
  • Prefires etapas curtas ou con aloxamentos e servizos frecuentes.
  • Buscas unha ruta ben sinalizada e con gran afluencia de peregrinos.
  • O teu orzamento é moi axustado.

Pode ser unha boa elección para ti se:

  • Gústanche a natureza e a historia.
  • Queres camiñar por zonas rurais, sendeiros de montaña e calzadas empedradas.
  • Sabes orientarte con GPS.
  • Podes camiñar 30 km nun día.
  • Queres que o teu compañeiro de viaxe sexa o ruído dos teus pasos.
  • O teu obxectivo é camiñar con tranquilidade.

Cronoloxía da recuperación

O CGA é o resultado dun longo proceso de investigación que comezou a tomar forma a finais do século XX. Nun congreso celebrado en 1995 (Valença do Minho, do 21 ao 23 de abril) xa se presentou o trazado desde Braga ata Portela do Homem. En 2004, o trazado pola provincia de Pontevedra xa foi percorrido por peregrinos e, en 2008, a Deputación da Coruña publicou na súa cartografía oficial o percorrido pola súa provincia.

Na primeira década do século XXI intensificouse o traballo de conexión dos diferentes tramos. En 2011 o grupo de Codeseda.com, activo desde 1999, creou a asociación Codeseda Viva e, en 2015, xunto cos membros da plataforma Berán no Camiño, definiron o trazado completo: 239 km entre Braga e Santiago sen variantes.

En maio de 2017, despois da presentación en Braga, chegaron a Santiago de Compostela María, Luis e João, os primeiros peregrinos. A partir dese momento mantívose un fluxo constante.

O 28 de marzo de 2019, despois de revisar a documentación histórica presentada por Codeseda Viva, o Cabido da Catedral de Santiago certificou o Camiño Xacobeo da Geira e dos Arrieiros, outorgando a Compostela nas mesmas condicións que nos demais Camiños xa recoñecidos.

O CGA é un Camiño recuperado por peregrinos para peregrinos, cuxo obxectivo principal é manter o equilibrio entre veciñanza e visitantes, evitando a masificación e favorecendo a convivencia e a introspección.

Guía en papel

Descrición do percorrido, patrimonio cultural, histórico e natural.

Guía en papel do Camiño da Geira e dos Arrieiros

Está escrita por Carlos da Barreira, José Manuel Almeida e Gaetano Puca. Os beneficios destínanse aos gastos desta páxina web, polo que a súa compra é esencial para a súa supervivencia. Estas son as ligazóns de compra en Amazon: